Foro Novo Estatuto

DECÁLOGO NOVO ESTATUTO

Presentámosvos o Decálogo Novo Estatuto, é dicir, os dez puntos básicos que propón o texto de Bases para un Novo Estatuto elaborado por este Foro. Se non es quen de ler os 32 folios de rigor, aquí verás de forma breve, concisa e clara os principais puntos deste proxecto, sen perder nada do seu espírito.

DECÁLOGO NOVO ESTATUTO

1. Galiza é unha nación que se integra libremente na estructura plurinacional do Estado español.

2. Os poderes de Galiza emanan do Pobo galego. A autonomía política de Galiza nace do lexítimo exercicio dun dereito colectivo e non dunha concesión estatal.

3. O galego é a lingua nacional, oficial e propia de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás teñen a obriga de coñecelo e o dereito a usalo.

4. A actividade económica será compatible cun modelo de desenvolvemento sostible. Inserida no marco da economía social de mercado, terá como referente esencial o Estado do Benestar.

5. Unha democracia solidaria.. Os poderes públicos impulsarán un espazo social baseado nos principios de solidariedade, igualdade e cohesión social; así como políticas de xénero para acadar unha igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes.

6. O Poder xudicial contará con órganos propios. O Consello Xudicial de Galiza será o seu órgano de goberno e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o órgano xurisdiccional superior na Comunidade Autónoma, asumindo tamén as competencias da Audiencia Nacional.

7. Galiza dotarase dun novo modelo territorial, creado mediante o diálogo con todos os actores sociais, que conlevará un redimensionamento municipal e a creación de comarcas no rural e rexións urbanas nas cidades, así como un tratamento específico para os espazos metropolitanos, baleirando de contido as provincias. A esta estructura acomodarase unha flexíbel ordenación do territorio.

8. Galiza terá capacidade para actuar na escena internacional e dereito a participar nos asuntos que lle atinxan en calquera órgano da Unión Europea. Crearase un Instituto que teña por obxecto a difusión e extensión da cultura galega no exterior.

9. O modelo de financiamento basearase na autonomía financeira e na responsabilidade fiscal plena, sen prexuízo do mantemento dos necesarios fondos de de redistribución, tanto no ámbito estatal como europeo. O sistema fiscal orientarase polos principios de equidade e progresividade, contando Galiza cunha Administración Tributaria propia.

10. Toda a cidadanía galega ten dereito ao coñecemento. Consideramos fundamental para o futuro e o benestar do país a mellora do ensino e da investigación, así como o acceso de toda a cidadanía á sociedade da información.


Enlaces relacionados
- Texto completo das Bases para un novo Estatuto de Galiza

« Voltar

 

© 2004, FORO NOVO ESTATUTO