JOSÉ YÁÑEZ BASANTA
"Coa política actual non se ve progresar a normalización da lingua na rúa"
Mestre xubilado
José Yáñez (Cospeito, 1937) é un veterano galeguista que aposta por renovar o actual Estatuto, xa que "foi feito a remolque da dictadura" e a vida cambiou moito desde aquela con "estas marabillas tecnolóxicas, coa europeidade e a globalización".
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza?
- Creo que é lei de vida actualizarse. Máxime cando o actual Estatuto foi feito a remolque da dictadura que viñamos de sufrir e nen sequera lle deu a talla en moitos sensos oa do 36, tan ben estudado no seu libro por José Vilas Nogueira. Por outra banda, a vida cambiou moito nestes últimos anos, con estas marabillas tecnolóxicas, coa europeidade e a globalización. Hoxe a xente nova estades máis preparados ca antes, con capacidade e medios propios diferenciados, que vos deben aupar para decidir libremente a vosa conducta e tomar as rendas das normas e leis do porvir, como o novo Estatuto da Galiza.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
- Gustaríame que ao mesmo tempo o novo estatuto non sexa tan dogmático como para crear un fanatismo que pode levar á violencia. O diálogo debe ser o seu espírito para seguilo mellorando sen descanso.
- No que atinxe ao seu eido profesional e aos seus intereses, que cambios lle gustaría que se producisen?
- No meu eido do ensino, no que me xubilei hai máis de un ano, considero que a lingua preferencial debe ser a galega, por ser a lingua propia ademais de oficial, como di a Constitución. O castelán que pase a segundo lugar e logo que sigan as máis linguas posibles, portadoras de novas culturas enriquecedoras. A ligua, como decía Ramón Cabanillas, é o noso escudo e o principal signo de identidade. Coa política actual non se ve progresar a súa normalización na rúa. Tal vez habería que reintegrala e perfeccionala máis ou "fixala, limpala e darlle esplendor", para saír de dúbidas no seu uso.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- O distaciamento das novas xeneracións, incrementado coas novas tecnoloxías, que provoca unha falta de diálogo, tan necesario para afrontar a comprensión das novas cousas que están a suceder, como o absentismo rural que está depreciando a vida da aldea e, mesmo na cidade, a falta de empregos está provocando outra especcie de absentismo familiar e, noutros casos, a secular emigración.
Noutros moitos aspectos identifícome coas respostas tan avispadas de Comba Campoy García, que puiden ler na web deste Foro.
« Voltar