ANTONIO CORTÉS
"Temos que ser orgullosos, realistas e innovadores dentro dun mundo global máis hostil"
Informático e blogueiro
Antonio Cortés (Pontecesures, 1973) traballa en Sevilla para a filial dunha grande empresa de telecomunicacións británica. Desde lonxe, ve a Galiza moi necesitada de autoestima: "Temos que deixar de mirarnos entre nós con cara de circunstacias e comezar a crer en nós", propón.
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
- Coido que é necesaria unha evolución do Estatuto, e é posible que esa evolución implique un cambio demasiado complexo polo que estaríamos a falar dun novo estatuto. O actual estaba pensado para un momento, un momento diferente do actual. Os cambios aos que estamos afeitos as novas xeracións deben estar reflectidos dalgunha forma. Por exemplo, o concepto de nación non é o mesmo agora que no momento no que o estatuto foi escrito e aceptado.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
- Desde o meu punto de vista, debería tratar de articular a base da nosa cultura e forma de ser, o orgullo de ser galegos, debería sentar as bases da nosa valía para enfrontarse a un entorno na que a globalización é imparable. Falo de proteccionismo, non dun proteccionismo que implique pechar portar ao alleo senón de tratar de premiar as boas ideas dos nosos antes das ideas doutros.
- No que atinxe ao seu eido profesional e aos seus intereses, que cambios lle gustaría que se producisen?
- Os cambios intuesen polas respostas anteriores: Maior apoio ás ideas e proxectos do país, sempre que sexan competitivos. Temos que deixar de mirarnos entre nós con cara de "circunstacias" e comezar a crer en nós.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- Levo 5 anos fóra de Galiza, en Sevilla, saltando de Andalucía, a Estremadura e a Galiza nas vacacións. Segundo as estatísticas, estas tres rexións son as máis pobres de España. O potencial de Galiza coido que é moi superior, pero seguimos sen velo, nin potenciar o cambio. Non ten lóxica que teñamos tanto potencial e tan pouco resultado. Xa non sei a que se debe, coido que somos orgullosos pero para "dentro", temos que estourar: ser orgullosos, realistas e innovadores dentro dun mundo global máis hostil.
« Voltar