SONIA DÍAZ PEREIRO
"Un novo Estatuto debe protexer a nosa pervivencia cultural"
Licenciada en paro, blogueira
Sonia Díaz (Láncara, 1979) estudou Ciencias da Comunicación e agora, mentres busca traballo, prepara a súa tesiña sobre "Identidade nacional galega na ficción seriada da TVG". Considera imprescindible un novo Estatuto que conte coa participación dos cidadáns, que protexa a nosa pervivencia cultural, que repense a organización territorial e que "lle meta man á renqueante administración pública".
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
- Tendo en conta a (inexistente) relación do actual coa sociedade galega, que en xeral nin o redactou nin o aprobou, paréceme imprescindible. O Estatuto é a nosa ferramenta política fundamental e como colectivo deberiamos vernos reflectidos nel.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
- Gustaríame que definise con claridade os principais trazos da nosa identidade, que protexese (realmente) a nosa pervivencia cultural (para o cal é imperativa, anque insuficiente, a preeminencia do galego), que repensase a organización territorial, que metera man á renqueante administración pública, que blindase o carácter de servizo público que debe posuír a estructura cultural propia (especialmente os medios de comunicación social) e que concretase o grao real de autogoberno que reclama a sociedade galega.
- No que atinxe ao seu eido profesional e aos seus intereses, que cambios lle gustaría que se producisen?
- Tomando o meu eido profesional como a "producción cultural", gustaríame que pensasemos quen somos e como queremos que nos vexan. Despois, deberiamos analizar as ferramentas culturais das que dispoñemos para narrarnos (prestando especial atención ás novas tecnoloxías) e favorecer a súa integración coa sociedade (eis o papel esencial da Educación). Deberiamos deixar de identificar axuda con subvención, apoiar a cultura propia non é financiar algúns proxectos seguindo uns criterios as máis das veces bastante escuros. É infinitamente máis complicado.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- Os políticos non se entenden, nin están dispostos a entenderse, e aos demáis só nos queda escoller equipo. Os uns son abúlicos pero populistas e ademáis monopolizan o sistema cultural como se se tratase dun altofalante, e así eles van tirando e Galicia segue coma sempre. Os outros viven nunha nube de intelectualidade a anos luz da sociedade, quizais van por diante (e quizais non) pero ¿de que nos vale se non contan con nós? Así as cousas, como colectivo seguimos sendo unha suma e individuos que non tén máis referentes comunitarios cós alleos: España, Cataluña, Euskadi, Portugal, Europa, América...
« Voltar