FINA CASAL MARTÍNEZ
"Temos que superar dunha vez o eterno debate das nacionalidades"
Xerente de Sargadelos Ferrol
A Fina Casal (Narón, 1967) gustaríalle que un novo Estatuto consolidase algúns dereitos adquiridos, como o divorcio, o aborto, a aconfesionalidade e a igualdade de xénero. Por outra banda, reclama un "xiro radical" na política cultural e cuestiona o inmenso investimento realizado na Cidade da Cultura por parte do Goberno Fraga.
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza?
Si. Por dous motivos fundamentalmente, un que ten que ver cos sentimentos, e outro más práctico de organización socio-política.
No "sentir" querería superar dunha vez o eterno debate das nacionalidades. Somos unha nacionalidade histórica, e parece que temos que castigarnos por iso a diario. É absolutamente paralizante, ano tras ano pelexándonos por un pouco máis de autogoberno, por poder participar nunha determinada comisión na que nos xogamos o futuro de amplos sectores de poboación, por poder utilizar o galego en determinados ámbitos, etc.
E en segundo lugar, dende un punto de vista da organización de España, porque como lle escoitei a Santiago Carrillo, o estado das autonomías non ten marcha atrás, imos cara a unha España articulada de maneira diferente, na que a representación política das comunidades vai ter un papel moi relevante, cuns órganos de goberno diferentes. É cuestión de sentarse e ver como repartimos as responsabilidades, que poñemos en común, etc. Na miña opinión é imprescindible abordar dunha vez este tema, e a elaboración dun novo estatuto é unha oportunidade para avanzar e logo adicarnos a outras cousas.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
Pois non sei moi ben que contestar a isto, non sei se o Estatuto vai ser a norma fundamental dos galegos/as, así como o que hoxe consideramos unha constitución. Se así fora, ademais de articular todo o entramado de competencias, organización das institucións... a min gustaríame que o novo estatuto de Galicia abordara cuestións sociais sen resolver de todo.
A Constitución Española é unha gran norma á que se chegou nun momento concreto, recolle unhas cousas e moitas outras non, que se foron desenvolvendo ao longo dos anos, pero que hoxe consideramos fundamentais. Xa que imos modificar os estatutos e a constitución, aproveitemos para que se consoliden dereitos adquiridos, e se recollan outros.
Está moi ben iso de que haxa unha declaración xeral ou trasversal de dereitos humanos, pero a min gustaríame que se incluíran explícitamente algunhas cousas: a laicidade ou aconfesionalidade (ou como sexa correcto), o dereito ao divorcio, o dereito ao aborto, a prohibición de discriminación entre homes e mulleres, sanidade e educación universal, e un longo etc.
Igual que cos novos estatutos e a reforma constitucional se van intentar arranxar unha serie de conflictos, podíamos intentar arranxar outros, que tamén coñecemos ben. Ao mellor é unha tolería o que estou decindo, pero nas normas fundamentais polas que se van rexir as nosas vidas, a min gustaríame que se desenvolveran todas esas cuestións, porque algo me di que fai moita faltiña poñelo por escrito.
- No que atinxe ao seu eido profesional, que cambios lle gustaría que se producisen?
Eu daríalle unha volta ao papel que no ámbito cultural deben ter as Administracións e os distintos organismos públicos. Ver o que se fixo, para que servíu. Se vemos os resultados é probable que haxa que dar aquí un xiro radical. É un tema complexo, porque producíronse cambios importantes nos últimos 25 anos, a financiación privada, as fundacións, as industrias culturais... Por poñer un exemplo, non teño claro que sexa papel da administración destinar tal cantidade de recursos na cidade da cultura en Santiago, porque poderían destinarse a promover a innovación, a creatividade, repartirse de maneira máis democrática e xeneradora de riqueza. Aínda que ao mellor iso non ten que ir nun Estatuto.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
Por facer unha gracia, eu xa non poido falar máis de estradas e portos exteriores, non podo con eles, 20 anos para que chegue a autoestrada a Ferrol, outros tantos para a depuradora, un porto exterior rematado e sen accesos... é que andamos pelexándonos polo básico desde hai tanto tempo que a min dame que xa non sabemos concentrar os esforzos noutra cousa. Porque acaban de prexubilar a 1405 traballadores de Bazán e Astano, con autoestrada e todo. Aínda habemos de facer un ave só pra marchar.
Pois resumindo, penso que os problemas fundamentais son: que nos falta o básico, o que deberíamos ter dende fai moito tempo, e segundo, que non lle poñemos atención suficiente a buscar camiños alternativos, a aproveitar o moito que temos. Eu aquí son optimista, porque aínda temos dabondo do que tirar e moito por facer, que non é pouco.
« Voltar