LUÍS TEIRA PARADA
"O caciquismo provoca o atoramento da parte máis dinámica da sociedade"
Pedagogo, mestre e blogueiro
Luís Teira (Ribeira, 1975) ademais de mestre de pedagoxía terapéutica é coordinador dos proxectos educativos na rede Ciberlingua e EduGaliza, e un dos máis veteranos blogueiros do país. Preocupado pola implantación da sociedade do coñecemento, considera que no eido do ensino "habería que traballar cos contidos tecnolóxicos, de xeito transversal, en todas as materias e en todos os niveis educativos", para o que propón a creación da figura do orientador tecnolóxico.
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
- Evidentemente é preciso un novo estatuto. Estamos nun novo tempo, no que o actual estatuto non chega para satisfacer as ansias de autogoberno que moitos dos galegos e galegas temos. Ademais cómpre que no proceso da súa elaboración se dea voz á cidadanía. Hai que facer unha sociedade máis participativa para que sexa máis democrática.
- Que lle gustaría que incluíra un novo Estatuto?
- Por unha banda gustaríame que se afondase máis na creación dun sistema educativo propio que sexa quen de afrontar os retos que ten o ensino: a multiculturalidade, a compensación de desigualdades, a introducción efectiva das novas tecnoloxías,...
Por outra banda no novo Estatuto, debería constar un recoñecemento e un apoio claro de creación dun espacio comunicacional galego dentro da internet.
- No que atinxe ao seu eido profesional e aos seus intereses, que cambios lle gustaría que se producisen?
- O ensino, como pata esencial da sociedade, debe ser quen de resolver os problemas que lle plantexa a sociedade do coñecemento. Para isto, entre outras cousas, habería que traballar cos contidos tecnolóxicos, de xeito transversal, en todas as materias e en todos os niveis educativos. Sería imprescindible a creación da figura do orientador tecnolóxico nos centros de ensino que poidan traballar estas temáticas desde dentro da escola.
Gustaríame que parello á expansión das redes tecnolóxicas, se consolidasen e se creasen redes socias (de tipo cultural, educativo, político, ecolóxicas, lingüísticas, etc.) que axuden a propiciar cambios no entorno. Para iso é fundamental facer ver á sociedade que internet é moito máis que mirar páxinas web.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- Sen dúbida o caciquismo estructural do que non somos capaces de despegarnos. Isto provoca situacións nas que a parte máis dinámica da sociedade queda atorada impedíndolle expandirse. A pouca autoestima, que ás veces como pobo mostramos, fai perpetuar este problema. Gostaría de deixar de ter a sensación de que este país ten xente con capacidade pero impídeselle desenvolvela.
« Voltar