O proceso estatutario, que comezou cunha Constitución Española que diferenciaba as "nacionalidades históricas" do resto das autonomías, rematou co famoso "café para todos" que igualou na práctica as competencias das 17 comunidades autónomas. Sen embargo, os primeiros estatutos aprobados foron os de Euscadi e Cataluña, ratificados a finais de decembro de 1979; mentres que os galegos tivemos que agardar dous anos máis ata vermos aprobado o noso, non sen dificultades.
O parto do texto articulado non foi doado nin estivo exento de polémica. Tal e como nos conta Pablo González Mariñas, "o propósito do Estado central era tomar o Estatuto galego como ponte de todos os estatutos das rexións, rebaixándoo ao nivel das non nacionalidades históricas, Galiza funcionaba como moeda de cambio". Así pois, o Estatuto redactado pola Comisión dos Dezaseis sufriu diferentes modificacións durante o ano 1979, especialmente no curso da súa tramitación parlamentaria, de onde saíu un proxecto considerado inferior en competencias ao vasco e ao catalán, xa que as dúas grandes forzas parlamentarias naquel tempo, UCD e PSOE, querían "controlar" a autonomía do resto das comunidades.
Aquel texto, que foi alcumado como o "estatuto da aldraxe", provocou importantes mobilizacións na súa contra, nas que participaron non só sectores galeguistas do PSOE, senón tamén nacionalistas posibilistas e a "intelligentsia" galeguista liderada polo grupo Galaxia, que desenvolveu unha grande actividade política para lograr unha renegociación deste texto estatutario (documento fundacional do grupo Realidade Galega, xaneiro de 1980).
Esta revisión do Estatuto foi realizada en setembro de 1980, nas conversas coñecidas como Pactos do Hostal, nas que participou activamente unha forza política ata daquela reticente ou mesmo contraria ao proceso autonómico, como era Alianza Popular. Resultado desta revisión foi un novo texto de Estatuto, que eliminaba as cláusulas consideradas aldraxantes, e que permitía que fose sometido a plebiscito do pobo galego con acordo da maioría das forzas políticas galegas, coa excepción do movemento agrupado no Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) que seguía a manter a defensa das Bases Constitucionais.
A pesar destas favorables condicións políticas, o referendo electoral do Estatuto foi un fracaso. Convocado para un chuvioso día de decembro de 1980, o resultado foi claramente positivo (73%), pero coa máis alta abstención rexistrada en calquera das eleccións celeradas en Galiza (máis do 70%). A autonomía de Galiza naceu, pois, con plena forza legal, mais orfa de calor popular.
A pesar das dificultades do parto, o Estatuto de 1980, aprobado polas Cortes españolas en marzo de 1981, é a Carta Magna da autonomía de Galiza, que supuxo non só a posta en funcionamento das institucións políticas previstas no Estatuto, senón tamén a aparición dunha dinámica política propia.
Ligazóns