O Quebec é un territorio do norleste de América do Norte onde vivían amerindios e inuits ata a chegada dos franceses en 1534. Aquela extensa área converteuse na Nova Francia ata que en 1763, logo dunha dura batalla contra os británicos, o rei de Francia cedeu á coroa inglesa a propiedade íntegra de todo o actual Canadá, o que provocou un importante movemento migratorio cara o Novo Mundo de colonos británicos. Pouco despois, en 1791 a Acta Constitucional de Canadá estableceu dúas provincias: o Alto Canadá (actual provincia de Ontario), de maioría anglófona, e o Baixo Canadá (actual Quebec), de maioría francófona.
Houbo algunha resistencia, como a Rebelión dos Patriotas do Baixo Canadá entre 1837 e 1838, aplacada pola severa derrota que les infrinxiu o exército inglés. Pero o verdadeiro rexurdimento produciuse nos anos 60 co inicio da chamada "Revolución Tranquila", centrada na cuestión da lingua, que se convertiu en 1976 na chegada ao poder do Partido Quebequés (PQ), liderado por René Lévesque, que converteu o francés na única lingua oficial, aínda que conservando certos dereitos para os anglófonos. Esta formación política promoveu en 1980 o primeiro referendo pola independencia, que foi rexeitado polo 60% dos votantes.
Previamente, en 1968, aboliuse o Consello Lexislativo para converterse na Asemblea Nacional do Quebec, con poderes para anular ou modificar determinadas leis canadianas no seu territorio. O sistema electoral baséase en 125 distritos onde se elixe un candidato que pasa a formar parte da Asemblea. O líder do partido con maior número de candidatos elixidos é o encargado de formar goberno e converterse, xa que logo, no Primeiro Ministro.
A pesar da elevada descentralización da federación canadiana, coa volta ao poder dos nacionalistas do PQ en 1994, celebrouse un novo referendo ao ano seguinte, que foi rexeitado por menos do 1% de diferencia. Aínda hoxe o status político do Quebec en Canadá continúa a ser unha cuestión central despois de case 50 anos de debate. En 2003 Jean Charest, líder do federalista Partido Liberal do Quebec (PLQ), converteuse no novo Primeiro Ministro.
As posicións políticas, agora mesmo, son as seguintes:
Soberanistas: procuran a independencia total de Quebec, mantendo acordos económicos con Canadá. Representado polo PQ e polo Bloque Quebequés.
Nacionalistas federalistas: procuran avanzar no autogoberno e reformar a federación canadiana para acadar máis poder político. Representado polo PLQ.
Trudeauistas: partidarios das doutrinas de Pierre E. Trudeau, que avogaba por manter o ‘statu quo’ e mesmo de incrementar as atribucións do goberno federal canadiano. Non recoñecen a Quebec como nación. Representado polo Partido Liberal de Canadá.